O banco do patio
3º premio, Categoría Primaria
Dani era un neno miúdo, moi miúdo… sufría asma desde pequeno; esta enfermidade non lle permitía xogar nin correr todo o que lle gustaría cos seus amigos. Por este motivo nos seus recreos do colexio Dani estaba sentado no banco do patio vendo como os seus compañeiros corricaban e rían.
Todos os domingos polas mañás paseaba coa súa nai por un monte próximo á súa casa. Estes paseos melloraban a enfermidade de Dani e a súa nai podía comprobar que esas noites o neno respiraba mellor.
Un domingo de decembro o neno dedicouse a recoller follas polo paseo, entre estas atopábanse unhas que ao cheiralas sentía que respiraba mellor, eran follas de menta. A súa nai ao ver a melloría do neno, recolleu máis follas de menta e ao chegar á casa preparoulle unha infusión; esa noite Dani durmiu coma un leirón.
A nai de Dani traballaba na universidade e a súa mellor amiga, Carla, era unha científica que elaboraba pocións nos laboratorios; xuntas recolleron máis follas de menta e puideron observar que tiñan unhas propiedades que axudaban os pulmóns a respirar mellor.
Conseguiron un diñeiro do goberno, que utilizaron para mellorar esa poción máxica que sandaba a asma dos nenos. O banco do patio agora estaba baleiro e Dani corricaba e ría cos seus compañeiros.
Ao verán seguinte naceu Nerea, a irmá de Dani. Ela tiña o mesmo problema que o seu irmán pero esta vez a súa nai estaba tranquila, sabía que a súa filla ía poder xogar, corricar e rir cos seus compañeiros e que o banco do patio seguiría baleiro.