Top

“A clarividencia de Marie Curie” de Carlos Balado Sáez de Viteri

Myeko Watabi foi un deses bebés cuxa foto ocupou a portada dalgúns diarios europeos o 7 de agosto de 1945. Supoño que a elección desta nena estivo condicionada pola profesionalidade do fotógrafo que non só foi capaz de plasmar o dramatismo da escena senón que humanizou o drama cun nome e foi capaz de escribir o titular adecuado.

Sesenta anos máis tarde, Myeko Watabi repasa as palabras coas que vai abrir a Conmemoración do LX Aniversario da bomba sobre Hiroshima. Baixamos ata o soto e ela senta na parte de atrás do coche, eu conduzo. Desde a súa casa ata o auditorio Kermangi hai que percorrer cinco mazás. Coloco o espello para observala mentres volve repasar as súas notas. Son capaz de recitalas:

“Cando unha noite de xuño de 1903, Pierre Curie decide homenaxear á súa muller, Marie Curie, por ser a primeira muller en doutorarse en Francia; faino cunha copa de champagne na súa man dereita e cun vial cheo de Radio na súa man esquerda. Nese momento, coa habitación unicamente iluminada polo brillo do vial, Marie avanza lentamente cara ao seu marido e desvanécese. Pierre atribúe ese desmaio ao exceso de traballo e de emocións; pero eu sei que Marie sentiu pánico ao ser consciente do que supuña o seu descubrimento…”.

Sei que agora me vai mirar; sabe que disinto desta idea. Rexeito esa visión emocional da figura de Marie. Unha muller educada no rigor; capaz de alimentar o seu corpo só de coñecemento; afeita a mil disputas e desprezos; non se ía desvanecer por desentrañar o futuro. Se se desmaiou foi porque o seu pequeno corpo non aguantou as condicións de traballo e non valorou os efectos nocivos daquel elemento. Desmaiouse polo desmedido afán de saber; pola soberbia da súa intelixencia.

Resulta difícil conseguir que Myeko comprenda o concepto de renuncia aplicado ao coñecemento. A súa argumentación favorita é que a relación: maior saber, maior poder; xestouse moito antes que nacera Marie e fixouse na tradición científica; simbolizando para a muller, un recoñecemento máis aló da visión clásica de “anxo do fogar”.

“…Marie non é unha muller descoñecida entre a residual comunidade científica feminina nos primeiros anos do século XX; é o símbolo dese saber oculto e fecundo que portaban as mulleres. Marie é científica, pero defende a súa condición feminina, a súa maternidade, nun ambiente misóxino. Se Marie detivese os seus ensaios porque as xemas dos seus dedos estivesen queimadas ou o seu marido mostrase unhas mans terriblemente inflamadas, o dano para todas aquelas que representaba sería moito máis profundo…”.
A choiva fai que o noso percorrido cara ao auditorio discorra máis lentamente. Coloco o espello e fálolle a Myeko; pero ela, non parece escoitarme.

– Que pasaría se eu decidise continuar a miña marcha á mesma velocidade, sen ter en conta a choiva? Con toda seguridade, esnaquizaría os vehículos, atropelaría os peóns. Trátase de adaptar a miña velocidade á miña nova contorna para que o coche poida seguir circulando. Marie e o seu marido experimentaron no seu corpo as aplicacións dunha descoñecida radioactividade; traballaron arreo nun laboratorio sen as mínimas condicións de ventilación… sen preocuparse da necesaria retardación do tempo para protexer a súa vida.

Non necesito que Myeko conteste, hai tempo que o lin no seu discurso: “…E se Marie non carrexase cos sacos de pechblenda, outro científico cargaríaos sobre as súas costas para levalos a outro pendello peor ventilado. Posiblemente, non falariamos do Polonio ou do Radio, pero dos novos elementos químicos quedarían rexistrados. Marie Sklodowski chegara desde Polonia para investigar, non para medir o tempo, a oportunidade dos seus experimentos. Se ela chegaba primeiro, o coñecemento daría antes un paso…”.

Son pouco máis que o amante, o corrector gráfico dunha consagrada científica. Non podo entrar en precisións terminolóxicas; só interveño no corpo a corpo; nesas batallas nas que esta muller necesita un contrapunto moral. Antes de que o coche percorra a última mazá que nos separa de Kermangi, atrévome a interromper a Myeko:

– É posible que Marie, aquela noite calorosa de xuño, se desmaiase pola súa extrema debilidade e que, nese estado de inconsciencia, tivese –como ti aseguras-  unha revelación; é posible que fose capaz de ver, nunha vertixinosa sucesión de imaxes, a evolución do seu traballo, o poder futuro da fisión nuclear. Rematando esa cadea, estarías ti, protexida polo corpo da túa nai, contemplando como un xigantesco fungo radioactivo se elevaba sobre vós. E é aí, co saber que lle outorga ese don da clarividencia, cando ela tiña que terse levantado e destruído ese vial que sostiña o seu marido na súa man esquerda. O seu xesto non impediría a traxedia; pero ela sumaríase a longa lista de científicos que renegaron do seu coñecemento por unha razón moral. Algúns anos máis de vida terían ela e o seu marido; talvez a súa fama non a sobreviviría, pero o seu xesto sería loable.

Myeko non ten tempo para responderme. Deteño o coche fronte ao auditorio e véxoa subir os tres banzos que anteceden á entrada.Chego quince minutos máis tarde e ocupo unha butaca lateral : “…e moitas noites, falo coa miña nai e intento aliviarlle a dor daquela traxedia; explicarlle como un dano colectivo, como o daquela mañá de agosto, pode converterse nun prólogo de grandes bondades; transmitirlle a miña confianza no saber como fonte de igualdade, de liberdade. Intento convencela de que non hai que buscar culpables. As decisións individuais non teñen transcendencia: o vial que levantaba Pierre Curie sería recollido por outro científico, seguramente un home, que experimentaría en si mesmo as posibles aplicacións médicas da radioactividade. O discurso ético nunca impediu nin as atrocidades xa coñecidas nin as bondades da ciencia; só serviu para cambiar de mans o poder, os medos e os sufrimentos e, talvez -como suxire unha persoa que senta entre vostedes- para conseguir que el e eu poidamos compartir algúns anos máis esta marabillosa vida. Moitas grazas”.