Top

A Ciencia Conta

O que é “A Ciencia Conta”

É un proxecto  promovido por un grupo de profesores de Universidade e de Ensino Medio que pretende achegar a Ciencia a sectores que tradicionalmente non está familiarizados con ela e non lles chega o coñecemento científico. Enmárcase dentro do Programa de Comunicación e Sensibilización Social e nomeadamente de Diverciencia 2009, auspiciado pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellaría de Economía e Industria e polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

O porqué de Ciencia con todos

A partir da segunda metade do século XIX, e ao longo do século XX, a humanidade adquiriu máis coñecementos científicos e tecnolóxicos que en toda a súa historia anterior. A maior parte destes coñecementos deron lugar a numerosas aplicacións que se integraron na vida dos cidadáns, quen as utilizan sen cuestionar, en moitos casos, a súa base científica, a incidencia na súa vida persoal ou os cambios sociais ou ambientais que se derivan delas.

Os medios de comunicación presentan de forma case inmediata os debates científicos e tecnolóxicos sobre temas actuais. Cuestións como a enxeñaría xenética, os novos materiais, as fontes de enerxía, o cambio climático, os recursos naturais, as tecnoloxías da información, a comunicación e o lecer ou a saúde son obxecto de numerosos artigos e, mesmo, de seccións especiais na prensa.

A cidadanía do século XXI, integrante da denominada «sociedade do coñecemento», ten o dereito e o deber de posuír unha formación científica que lle permita actuar como cidadáns autónomos, críticos e responsables. Para iso é necesario pór ao alcance de toda a cidadanía esa cultura científica imprescindible e buscar elementos comúns no saber que todos deberiamos compartir. O reto para unha sociedade democrática é que a cidadanía teña coñecementos suficientes para tomar decisións reflexivas e fundamentadas sobre temas científico-técnicos de incuestionable transcendencia social e poder participar democraticamente na sociedade para avanzar cara a un futuro sustentable para a humanidade.

Debe por tanto ser un reto importante para a comunidade científica contribuír a esta formación a través do achegamento deste coñecemento e dos procesos e resultados de I+D+I mediante actividades de comunicación e divulgación dirixidos a colectivos aos que a ciencia non chega habitualmente, nomeadamente a infancia e a xuventude, máis coa posibilidade de chegar a unha gran parte da nosa sociedade non familiarizada co coñecemento científico. Tamén cómpre poñer en valor o papel das mulleres na historia da ciencia e salientar a súa relevancia actual no desenvolvemento científico e tecnolóxico.

O que aporta Ciencia con todos

ACCIÓN 1: “Ciencia en imaxes e palabras”

Son dous libros de divulgación da ciencia con dos enfoques diferentes:

a) No primeiro utilízase a imaxe para conectar elementos da vida cotiá e do noso contorno co coñecemento científico; en “Física en imaxes” a intención é facer un percorrido pola física a través dunha colección de imaxes comúns e habituais á vida da xente, de xeito que cando vaiamos pola rúa e vexamos esa imaxe fagamos a vinculación ou explicación científica do que estamos a ver ou do que está a acontecer.procúrase mediante imaxes e sinxelas explicacións do que estamos a ver.

b) No segundo libro utilízase a palabra para relatar os máis diversos aspectos da ciencia; no libro “Ciencia que conta” recóllese unha escolma de relatos curtos sobre temas científicos que foron seleccionados polo xurado do 1º Concurso de relatos curtos, actividade levada a cabo na pasada edición de Diverciencia.

Estes libros vanse distribuir por bibliotecas escolares, centros educativos e asociacións.

ACCIÓN 2: “Ciencia sen palabras”

É unha representación teatral sen palabras. A ciencia pode chegar a nós tamén sen comunicación verbal. Neste caso só coa imaxe, pero é a nosa intención divulgar a ciencia cos outros sentidos: a través do tacto, do olfato,… . Non só é unha aposta por desvincular as explicacións e a transmisión da ciencia da linguaxe oral, senón potenciar a capacidade de observación, da simple observación que nos leve a profundar na explicación científica do que estamos a ver. E tamén pretende chegar a colectivos –neste caso os xordos- que non teñen as mesmas posibilidades de comunicación que o resto da sociedade. Procuramos ademais transmitir a todos os públicos o espírito e o traballo científico.

A obra abrangue unha sucesión de experimentos científicos ou demostracións de algún concepto da ciencia que son realizados por dúas personaxes, unha profesora científica con birrete e o seu axudante, burlón, pasota e un chisco toupón. A ciencia require estudo, esforzo e coñecemento, e a recompensa (non necesariamente monetaria!) pode ser moi grande para as persoas que chegan a ela.

Vai dirixida a todos os públicos, adaptándose o guión ás diferentes idades do público, sendo este desde alunado de primaria até publico en xeral. Enmarcaríase dentro das actividades da Semana da Ciencia.

ACCIÓN 3: “Ciencia que conta”

Trátase dun concurso de relatos curtos relacionados coa ciencia. Non pretenden ser relatos de ciencia ficción nin artigos sobre ciencia. Procúrase que –en función da idade- se desenvolva un relato curto ou conto a partir dun aspecto científico puntual ou da observación dalgún fenómeno ou experimento simple. Os temas a desenvolver nos relatos poderían ter como punto de partida:

–    Historias de Ciencia: como se inventou algo, como se solucionou algún problema que había na sociedade utilizando a ciencia, un descubrimento, etc.

–    Traballo no laboratorio ou científico: cousas que pasan nun laboratorio, no traballo dun científico ou científica, nas exploracións da natureza, etc.

–    Experiencias: ficcións arredor de experiencias simples (ou caseiras), observacións da nosa vida cotiá (na rúa, na cociña, na praia, na festa, nas atraccións de feira, etc.)

–    Biografías: baseado na vida dalgún persoeiro científico, algún detalle da súa vida, algunha anécdota, como fixo algún descubrimento, como se lle ocurriu ou elaborou algunha teoría ou lei.

Valoraranse en especial relatos que inclúan mulleres como protagonistas ou arredor de historias de mulleres. Estableceranse varias categorías desde primaria ao público xeral.

O feito de propoñer tres accións dentro dunha mesma actividade responde á intención de abordar a divulgación da ciencia desde varias frontes para así conseguir captar a atención e o interese do maior número posíbel dos cidadáns obxectivo do Programa de Comunicación e Sensibilización Social e nomeadamente de Diverciencia, facendo unha oferta variada cun común denominador.

As persoas de A Ciencia Conta:

Pío Manuel González (Universidade de Vigo)

Julia Serra Rodríguez (Universidade de Vigo)

Eduardo García Parada (IES Pazo da Mercé, As Neves)

Stefano Chiussi (Universidade de Vigo)

Jorge Carlos Conde Saá (Universidade de Vigo)