Top

“Camiñando polo horizonte” de Patricia Álvarez Casal

3º premio, Categoría Bacharelato

As poucas sombras que se podían observar pelexaban por poder seguir existindo, xa que a luz do sol esa tarde era realmente brillante. Ningunha nube impedía que este fixese o seu traballo, un traballo que nós agradeciamos tombándonos baixo el.

O meu avó, un home inquedo e sempre cheo de vitalidade malia os seus 70 anos, propúxome ir dar unha volta polo monte. Eu aceptei sen dilación xa que tomar o sol non era un deporte que me entusiasmase.

Comezamos a camiñar por aquel agreste camiño. Eu coa miña mochila ás costas e el co seu equipo de montaña, como divertidamente o definía, pero este non constaba máis que dun pau atopado polo camiño e un esfarrapado sombreiro de vaqueiro.

Gustábame camiñar con aquel bo home. Tiña tantos coñecementos naquela cabeza e unha forma de contalos tan portentosa, que facían de camiñar un exercicio, que de primeiras parecería aburrido, algo ameno e didáctico.

Lembro que aquela tarde, cando estabamos no cume da montaña, deixaba colgar os nosos pés e miraba ao horizonte, ocorréuseme preguntar por que podía hoxe ver máis terra ca unha semana atrás. O meu avó, que sempre tiña unha solución para todo, intentou explicarme o porqué daquel estraño fenómeno.

—Que tempo houbo ese día?

—Pois… anubrado, creo lembrar, pero que ten que ver iso co horizonte?

—Todo ten que ver, fillo, ten paciencia —quedou meditando un bo anaco, mordeu o bocadillo con calma, saboreouno e cando rematou, respondeu pausadamente—. Os días como hoxe, así de despexados, permiten que vexamos a liña do horizonte máis afastada por culpa dos raios do sol, porque estes, ao pasar a través da atmosfera, cúrvanse e como non atopan ningunha nube que lles corte o paso vese un pouco máis de terra. A este fenómeno chámaselle refracción —deulle outra boa dentada ao bocadillo e quedoume mirando para ver cal era a miña expresión e canto do que el me contara entendera. A miña cara era de desconcerto total, non entendía nada do que me dixera, pero iso era parte do xogo, el contábame a explicación científica e posteriormente poñía un exemplo capaz de entendelo ata o neno máis parvo. É que aínda que antes poñía máis atención ás explicacións doadas e obviaba as científicas, agora agradezo que me aburrise sempre con aquelas explicacións.

—Avó, sigo sen entendelo. —Estaba a esperar a que llo dixese; entón colleu a súa chaqueta e catro paus do chan, cravounos e puxo a chaqueta sobre eles, coma se dunha tenda de campaña se tratase. Abriu a miña mochila, colleu unha pelota e unha lanterna e colocou a bóla debaixo da tenda de campaña. Eu estaba perplexo ante aquela construción.

—Achégate e ponte do outro lado —acendeu a lanterna e iluminou a pelota desde abaixo— ves o horizonte?

—Si —despois puxo a lanterna para iluminar desde arriba.

—Que pasou? —preguntoume e eu vino claro.

—Que agora vexo máis pelota, máis horizonte.

—Pero aínda hai máis, por exemplo se fixese frío verías aínda máis terra.

—Tamén é por culpa da refracción?

—Refracción… si, tamén é pola súa culpa. Ademais se foses máis alto, verías aínda moito máis. —Desde aquel momento quixen medrar con todas as miñas forzas para poder ver moito máis, máis que o resto do mundo, pero o certo é que quedei no 1,74.

Quedamos contemplando o pouco horizonte que nos deixaba ver a enorme montaña que tiñamos en fronte.

—Tamén hai outra cousa que inflúe en canto vemos de terra.

—Que cousa?

—A topografía do terreo.

—A que?

—Que haxa unha montaña no medio… pero as vistas son máis pracenteiras se cabe. —e sorrín os dous.

Agora son eu quen lles conta aos meus alumnos de ciencias estas e outras curiosidades que fan deste camiño, que de primeiras pode resultar aburrido e canso, algo máis ameno e didáctico como antano facía comigo aquel afable ancián.