O que é Ciencia con todos
É un proxecto promovido por un grupo de profesores de Universidade e de Ensino Medio que pretende achegar a Ciencia a sectores que tradicionalmente non está familiarizados con ela e non lles chega o coñecemento científico. Enmárcase dentro do Programa de Comunicación e Sensibilización Social e nomeadamente de Diverciencia, auspiciado pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellaría de Innovación e Industria.
O porqué de Ciencia con todos
A partir da segunda metade do século XIX, e ao longo do século XX, a humanidade adquiriu máis coñecementos científicos e tecnolóxicos que en toda a súa historia anterior. A maior parte destes coñecementos deron lugar a numerosas aplicacións que se integraron na vida dos cidadáns, quen as utilizan sen cuestionar, en moitos casos, a súa base científica, a incidencia na súa vida persoal ou os cambios sociais ou ambientais que se derivan delas.
Os medios de comunicación presentan de forma case inmediata os debates científicos e tecnolóxicos sobre temas actuais. Cuestións como a enxeñaría xenética, os novos materiais, as fontes de enerxía, o cambio climático, os recursos naturais, as tecnoloxías da información, a comunicación e o lecer ou a saúde son obxecto de numerosos artigos e, mesmo, de seccións especiais na prensa.
A cidadanía do século XXI, integrante da denominada «sociedade do coñecemento», ten o dereito e o deber de posuír unha formación científica que lle permita actuar como cidadáns autónomos, críticos e responsables. Para iso é necesario pór ao alcance de toda a cidadanía esa cultura científica imprescindible e buscar elementos comúns no saber que todos deberiamos compartir. O reto para unha sociedade democrática é que a cidadanía teña coñecementos suficientes para tomar decisións reflexivas e fundamentadas sobre temas científico-técnicos de incuestionable transcendencia social e poder participar democraticamente na sociedade para avanzar cara a un futuro sustentable para a humanidade.
Debe por tanto ser un reto importante para a comunidade científica contribuír a esta formación a través do achegamento deste coñecemento e dos procesos e resultados de I+D+I mediante actividades de comunicación e divulgación dirixidos a colectivos aos que a ciencia non chega habitualmente, nomeadamente a infancia e a xuventude, máis coa posibilidade de chegar a unha gran parte da nosa sociedade non familiarizada co coñecemento científico. Tamén cómpre poñer en valor o papel das mulleres na historia da ciencia e salientar a súa relevancia actual no desenvolvemento científico e tecnolóxico.
O que aporta Ciencia con todos
Existen diversos camiños para chegar a contactar coa sociedade e desenvolver esa divulgación científica. No noso caso, coa idea de poder chegar a eses sectores da nosa sociedade, propoñemos catro accións na presente actividade que alcanzan varios dos obxectivos específicos do Programa de Comunicación e Sensibilización Social e nomeadamente os de Diverciencia:
ACCIÓN 1: “Ciencia día a día”
ACCIÓN 2: “Ciencia en imaxes”
ACCIÓN 3: “Ciencia sen palabras”
ACCIÓN 4: “Ciencia que conta”
O que é cada acción de Ciencia con todos
ACCIÓN 1: “Ciencia día a día”
Axenda escolar con contidos científicos para o curso 2008-09 dirixida especialmente ao alunado de 2º ciclo da ESO, bacharelato e ciclos de FP, aínda que con interese para o público en xeral. A axenda fai unha proposta científica cada día. O seu formato é semanario, e cada semana vista dedícase a unha disciplina: física, química, matemáticas e bioloxía. Dentro de cada semana, o luns ofrécese información sobre unha lei ou concepto ilustrado mediante exemplos, o martes unha efeméride, o mércores unha aplicación tecnolóxica, o xoves ciencia en internet e o venres un sinxelo experimento real ou mental para realizar.
ACCIÓN 2: “Ciencia en imaxes”
É un libro divulgativo co obxectivo de conectar imaxes cotiás coa ciencia. Esta primeira edición dedicaríase á Física (“Física en imaxes”), pero coa intención de continuar coa química, matemáticas e bioloxía. A intención é facer un percorrido pola física a través dunha colección de imaxes comúns e habituais á vida da xente, de xeito que cando vaiamos pola rúa e vexamos esa imaxe fagamos a vinculación ou explicación científica do que estamos a ver ou do que está a acontecer.
ACCIÓN 3: “Ciencia sen palabras”
É unha representación teatral sen palabras. A ciencia pode chegar a nós tamén sen comunicación verbal. Neste caso só coa imaxe, pero é a nosa intención divulgar a ciencia cos outros sentidos: a través do tacto, do olfato,… . Non só é unha aposta por desvincular as explicacións e a transmisión da ciencia da linguaxe oral, senón potenciar a capacidade de observación, da simple observación que nos leve a profundar na explicación científica do que estamos a ver. E tamén pretende chegar a colectivos –neste caso os xordos- que non teñen as mesmas posibilidades de comunicación que o resto da sociedade. Procuramos ademais transmitir a todos os públicos o espírito e o traballo científico.
A obra abrangue unha sucesión de experimentos científicos ou demostracións de algún concepto da ciencia que son realizados por dúas personaxes, unha profesora científica con birrete e o seu axudante, burlón, pasota e un chisco toupón. A ciencia require estudo, esforzo e coñecemento, e a recompensa (non necesariamente monetaria!) pode ser moi grande para as persoas que chegan a ela.
Vai dirixida a todos os públicos, adaptándose o guión ás diferentes idades do público, sendo este desde alunado de primaria até publico en xeral. Enmarcaríase dentro das actividades da Semana da Ciencia.
ACCIÓN 4: “Ciencia que conta”
Concurso de relatos curtos relacionados coa ciencia. Non pretenden ser relatos de ciencia ficción nin artigos sobre ciencia. Procúrase que –en función da idade- se desenvolva un relato curto ou conto a partir dun aspecto científico puntual ou da observación dalgún fenómeno ou experimento simple. Os temas a desenvolver nos relatos poderían ter como punto de partida:
– Biografías: baseado na vida dalgún persoeiro científico, algún detalle da súa vida, algunha anécdota, como fixo algún descubrimento, como se lle ocurriu ou elaborou algunha teoría ou lei.
– Historias de Ciencia: como se inventou algo, como se solucionou algún problema que había na sociedade utilizando a ciencia, un descubrimento, etc.
– Traballo no laboratorio ou científico: cousas que pasan nun laboratorio, no traballo dun científico ou científica, nas exploracións da natureza, etc.
– Experiencias: ficcións arredor de experiencias simples (ou caseiras), observacións da nosa vida cotiá (na rúa, na cociña, na praia, na festa, nas atraccións de feira, etc.)
Valoraranse en especial relatos que inclúan mulleres como protagonistas ou arredor de historias de mulleres. Estableceranse varias categorías desde primaria ao público xeral.
O feito de propoñer catro accións dentro dunha mesma actividade responde á intención de abordar a divulgación da ciencia desde varias frontes para así conseguir captar a atención e o interese do maior número posíbel dos cidadáns obxectivo do Programa de Comunicación e Sensibilización Social e nomeadamente de Diverciencia, facendo unha oferta variada cun común denominador.
As persoas de Ciencia con todos
Responsábel do Equipo de traballo:
Serra Rodríguez, Julia
Equipo de traballo:
Botana Ferreiro, Francisco
García Parada, Eduardo
González Fernández, Pío Manuel
Izquierdo Pazó, Milagros
López de Silanes Vázquez, Mª Eugenia
Serra Rodríguez, Lucinda
Souto Otero, José Carlos