O xornal do dia repousaba sobre o escritorio, aínda aberto nas páxinas centrais, enrugado polo uso.
Olimpia Valencia ollaba dende a ventá da súa consulta o entramado de rúas que ían acabar en Príncipe; a única maneira que atopara de evadirse da dura realidade que descansaba enriba do escritorio. Aínda que a fiestra non estaba aberta, podía sentir a tensión no ambiente. Levaba días sen recibir ningunha visita á súa consulta pero seguía acudindo a diario. Quizais a rutina axudáballe a manter o control sobre o río de sentimentos que a abafaba.
Axitou a cabeza para espantar os seus pensamentos e volveuse a centrar na monotonía da rúa, aínda que pronto se cansou da rutina que tanto a mantivera absorta.
Sentouse no escritorio e colleu o xornal de xeito automático. Databa do 20 de Febreiro de 1937. Recorreu as páxinas con presteza, prestándolle atención ás poucas imaxes que encabezaban as noticias. Pasou páxinas ata que unha pequena foto en branco e negro, agochada nun curruncho da folla, fixo que o corazón lle parase de súpeto. Un home de mediana idade e barba poboada fitábaa dende a foto con ollos inexpresivos. O titular anunciaba a súa detención.
Pechou o xornal con forza e arroxouno contra o escritorio.
Levantouse e comezou a camiñar a grandes pasos pola consulta, sen poder borrar aquela imaxe da súa mente, ata que se descubriu co seu diploma de licenciada na man.
Nun intre, recorría mentalmente os longos corredores da facultade de Medicina de Santiago. A pesares de ser unha estudante exemplar a puntualidade nunca fora o seu, e aquel corredor sempre se lle facía interminable. Era o último día na facultade e estaba a piques de recibir a súa licenciatura, que a convertería na primeira licenciada en medicina galega.
Pero cando por fin chegou á aula e abriu a porta o escenario mudou e atopouse na residencia de Madrid, diante do seu pequeno escritorio plagado das experiencias que levara a cabo sobre a anestesia.O cuarto era tan pequeno que apenas podía facerse sitio entre as moreas de arquivadores que se apilaban en tódolos recunchos.
Sorteou os innumerables obstáculos como puido ata chegar á ventá e contemplou a paisaxe con nostalxia ata que un pequeno cartel, pegado no bloque de enfronte chamou a súa atención.Aquel deseño resultáballe familiar. Abriu a fiestra e sacou a cabeza á rúa nun intento de ler a minúscula letra do anuncio. Cando acadou a distancia necesaria, os seus ollos acendéronse. Pero algo non cadraba, aquel anuncio non era desa época.
O escenario mudou de novo e esta vez Olimpia sostiña un xornal entre as mans, sentada na cadeira do seu recen inaugurado despacho. <<Olimpia Valencia, especialista en enfermidades da muller>> rezaba o pequeno anuncio por palabras publicado aquela mesma mañá no que comunicaba a inminente apertura do seu consultorio en Príncipe. Unha placa coa mesma inscrición do anuncio repousaba, relucente, xunto á porta de entrada ó antigo edificio.
Toda a consulta irradiaba optimismo, e o espírito emprendedor deixábase sentir en cada curruncho. As confrontacións e as dificultades xa quedaran, en parte, atrás, e as discusións sobre a súa condición de “médico” xa non se deixaban oír a todas horas ó seu carón.
Un sonoro portazo, no piso do lado, devolveuna ó presente de súpeto.
Colgou de novo o diploma na parede, ó carón do exemplar do Diario de Vigo que estaba aínda enmarcado pola páxina na que se publicara o anuncio de apertura e centrou a súa atención na consulta que tantos conflitos lle provocara.
Sentouse no amplo sillón de coiro da recepción e rememorou os anos duros , aquela época que consideraba pasada pero que parecera volver ó presente.
As acusacións de ser “roja”, de ser unha traidora, de ser….
Dous golpes secos na porta interromperon os seus pensamentos de novo.
— Si?— Preguntou achegándose á porta.
— Abra a porta!—Gritou unha voz grave e autoritaria dende o outro lado.
Olimpia xirou o picaporte amodo, vendo cumprindo o seu pesadelo.
— Está vostede detida por pertencer ó Partido Galeguista— Anunciou un dos dous homes, levando a man á bandeira falanxista que levaba bordada no uniforme.