Por fin atopei un lugar libre nun dos vagóns e dispúxenme a acomodarme alí. Coloquei a miña maleta na rede que había enriba do meu asento, porque o resto do sitios estaban cheos de bultos e maletas pequenas.
Este era un gran cambio para min, deixar á familia, aos amigos, a miña aldea, a miña terra. Pero había que emigrar. O traballo había que buscalo lonxe. E que me esperaba? Non cría que fosen pagar moito polo meu traballo naquela fábrica de ladrillos na que tiña que comezar a traballar aquel mesmo luns. Deixeime enredar polos compañeiros e agora xa non hai volta. Pero non deixaba de me preguntar: Pagará a pena iso dos ladrillos?
O tren leva moita xente que tamén ía en silencio. Non me sonaban as caras, pero a súas miradas perdidas facíame pensar que a tristura tamén a levaban por dentro. Non vou ser a única galega que chega a Suíza este primeiro domingo de Setembro. Sinto certo alivio pensando que me vou encontrar con outros paisanos que xa chegaron antes, e que de seguro van axudar a sentirme ben. Pero é duro.
A paisaxe ía mudando de forma inevitable e as cores pasaban do verde intenso aos tonos vermellos da terra, para converterse finalmente en amarelo nos campos. Pero non quero mirar atrás. Xa sei que deixo ás néboas que se meten ata os osos, as estradas cheas de curvas, os carreiros cheos de lama, as portas das leiras feitas de calquera xeito, as casas sen recebar, as lendas de mouros… Vou ao mundo perfecto, onde a xente cumpre sempre as normas e non fala dando voces, e todo está no seu sitio, pero a min gústame a miña terra, coas súas cousas boas e malas.
Sigue a viaxe e sigo pensando en ladrillos. Pola miña cabeza pasan ladrillos con nomes raros, de todas as formas, con moitos números, pequenos, grandes…Sobre todo, ladrillos a gran velocidade. Pregúntome se esas visións serán por mor do traballo que me espera aló.
O resto dos compañeiros de viaxe tamén matinaban nos posibles futuros que lles agardaban ao final daquela travesía ferroviaria. Habería alguén máis pensando en ladrillos?
– Rapaza…! Rapaza…! – Sonou como unha explosión na miña cabeza. Como un ladrillazo a gran velocidade. Aquela muller de preto de sesenta anos, sentada ao meu carón, axitaba o meu brazo mentres me berraba.
– Ei rapaza, espertas ou non? Xa chegamos. Foi como espertar dun soño. En realidad, espertei de verdade.
– Onde estamos? Dixen aínda cos ollos medio pechados.
– O avión ven de aterrar. Xa estamos en Xenebra. Tes mala cara.
– E que era tan real o que estaba soñando que ata me asustei cando vin que estaba nun avión.
– Xa ves. Cara onde vas? Por certo, chámome Carmiña.
– Ola, eu son Catuxa e vou a casa duns amigos que me estarán esperando, porque mañán comezo a traballar aquí.
– Ai miña raíña, eu xa hai case corenta anos que cheguei e sempre parece que é a primeira vez.
De súpeto, a fila comezou a camiñar polo centro do avión e tivemos que romper a conversa. Pasamos axiña o control de pasaportes e chamoume a atención un gran panel que había na parede frontal do interior do aeroporto. Dicía en francés: “Benvidos a Xenebra: a cidade do acelerador de partículas LHC”.
– Catuxa, Catuxa! Estamos aquí -. Eran os meus amigos. Mirei á muller que me sacara do soño e a penas puidemos botar un sorriso de despedida antes de abandoar o aeroporto.
Luns, seis corenta e cinco da mañán. Case que non durmín… Malditos ladrillos….Para non molestar aos amigos saín da casa se facer ruído para almorzar fóra. Entrei na primeira cafetería, e unha muller que estaba de costas na barra preguntoume de foma mecánica.
– Bonjour. Café?
Ia contestar cando se voltou cara min e … era a compañeira de asiento do avión. Miroume, e tamén con cara de sorpresa díxome:
– Ola … Catuxa, non si? Café con leite?
Eu sentín vergonza de non me lembrar do seu nome..
– Si ola, alégrome de ver unha cara coñecida. Si un café quentiño, por favor.
– Onde vas tan cedo?Preguntoume mentres preparaba o café na máquina.
– Ao CERN.- Respondín de forma automática e sen pensalo. Axiña decateime de que sendo un centro científico era probable que ela non soubese del.
– Ah! Moi ben.- Dixo ela sen dar sensación de descoñecemento.
En realidade o CERN (Centro Europeo de Investigación Nuclear) é tan famoso en Xenebra como o chorro xigante de auga que hai no enorme lago que baña a cidade.
– E que vas facer no CERN.
– Eu son física e estou nun equipo de investigación da universidade de Galicia.
Mentres continuaba preparando as tazas, os pratos e as culleriñas seguíame a falar moi interesada.
– Cando eu cheguei aquí ese sitio xa existía, pero foi crecendo máis e máis. Agora seica hai un inmenso túnel para facer experimentos.
– Pois si. Hai un túnel de 27 km que está a cen metros baixo terra. Nel está instalada a maior máquina construída: o LHC. Nela circulan partículas moi rápido nos dous sentidos, e en catro sitios fannas chocar.
– Non che entendo moito, pero para que todo iso? – preguntoume arqueando as cellas.
A verdade é que non é doado explicarlle a unha persoa calquera da rúa o que buscamos os científicos e a as científicas nun sitio como o LHC do CERN. Pero despois de beber un pouco do café tentei contestarlle.
– Pois ese experimento é para saber de que estan feitas as cousas, cando comezou o mundo, por que hai unhas substancias e non outras, e cousas así.
– Vale – contestou con certa indiferencia. E continuou – Pero iso paga tanto a pena?
Aquí xa me entrou a coraxe de científica, limpei os beizos, mireina fixamente e e sen vacilar díxenlle,
– Mire, primeiro porque é algo propio do ser humano, a curiosidade. Saber de onde vimos e por tanto poder saber cara onde vamos. Pero ademáis, ten oido falar do TAC?
– Si, é un aparello que hai nos hospitais, non si?.
– Efectivamente. E da WWW da Internet tamén, verdade?
– Claro que si!
– Pois esas cousas comezaron no CERN. E sabe o que é o RMN?
– Tamén hai iso nos hospitais, non si?
– Exactamente. Pois traballa cuns materiais que se chaman superconductores que foron antes deseñados e probados en sitios como o CERN. E así moitasoutras cousas que nos fan a vida mellor.
– Vale filliña, non te acalores máis, xa o entendín. Por certo, e a ti que é o que máis che gusta de todo iso?
– A min… coñecer os secretos máis agochados da natureza. Apaixóname! Os ladrillos do universo.
Entón, de súpeto lembreime do soño no avión: os ladrillos. Iso era o que me rebulía na cabeza. Claro, os ladrillos!
A miña paisana debuxou un sorriso e dixo algo que me encheu de emoción e ledicia.
– Ata hai poucos anos, os galegos viñan aquí a traballar con ladrillos, pero dos da construcción. E non era un traballo nin valorado nin que nos fixese sentir contentos. Pero agora, vos vides a traballar con outros ladrillos, moito máis importantes. E sentides paixón e orgullo por esa labor. E sabes outra cousa?
– Que cousa?. Díxenlle cun nó na gorxa.
– Mita, para os que chegamos aquí hai tantos anos, e que fomos tratados ás veces con desprezo, é unha enorme ledicia ver que hoxe uns galegos e galegas son quen de traballar en cousas tan importantes, cóvado con cóvado, con xentes de tantos países. Estás convidada ao café… e agora marcha que os teus ladrillos estánche esperando.